O Pescados Rubén Burela FS abrirá a emoción dos derbis galegos xa mañá, na segunda xornada, visitando o Poio Pescamar FSF. A cita, que arrincará ás 19.00 horas na Seca, poderá seguirse en directo por TVG2.
As Guerreiras Laranxas reciben o duelo con moitas ganas; así o confesou a viveirense Lara Balseiro: “Penso que na primeira xornada en Vista Alegre se viron cousas boas do equipo pero que aínda temos moita marxe de mellora. Estamos traballando ben, enfocadas no que nos pide Lucas e creo que o sábado temos unha boa oportunidade de demostrar que cada día estamos mellor”, explicaba a 10 mariñá.
Despois de baterse en Copa da Raíña, Supercopa de España e Liga, sempre coa vitola do triunfo, agora o Pescados Rubén coñecerá o novo proxecto das pontevedresas: “Os derbis sempre son complicados. Poio tamén ten un bo cadro, con bos reforzos, xogadoras que coñecemos moi ben. Creo que volverá ser un duelo que se decidirá por pequenos detalles”, explicaba a ala laranxa facendo referencia ás recentes incorporacións nas filas do Poio de Jane, Luísa Mayara e Lucía Paz, acompañando a outra antiga burelista, Luci.
Ambos os conxuntos chegan tras un bo debut ligueiro, con 4-1 para as de Manu Cossío fronte ao Móstoles FSF e 4-0 para as de Lucas ante o Melilla: “Temos que fixarnos en nós mesmas. A pesar de que nos faltan 4 internacionais pola concentración con España, esta semana tamén demostramos unha boa rendibilidade no traballo. Temos moitas posibilidades dos 3 puntos se cumprimos co que require Lucas de cada unha de nós”.
Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi Oliveira, 3. Dany, 4. Sandra Buzón, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 10. Lara Balseiro, 13. Elenita, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Elena Aragón, 21. M. Cortés, 99. Emilly
A RFEF emitirá todos os partidos 21-22
A RFEF deu a coñecer onte que ofrecerá, de forma gratuíta, a través da súa páxina web (www.rfef.es) en directo cada fin de semana os 8 encontros correspondentes e, chegado o momento, as semifinais e a final polo título de Primeira RFEF Futsal Feminina. Tamén poderán verse tamén en www.vuvuzela.es. “Son noticias que nos fan especial ilusión. Para que o fútbol sala feminino medre o importante é ter visibilidade para que cada vez haxa máis apoios por este deporte” así recibía a nova Lara Balseiro.
Fuente: Prensa Burela FS
Foto: Archivo RFEF